O Entroido é celebrado en toda Europa dende épocas descoñecidas. Non se sabe con certeza a súa orixe, algúns pensan que vén da tradición celta, outros afirman cós comezos desta festa, pódense atopar na adoración a Baco ou Dionisos.Coa chegada do cristianismo, moitas das festas pagás, que eran antigamente celebradas foron tomadas e cristianizadas. Deste xeito, esta celebración que tiña posiblemente o seu significado na despedida dos longos e duros días do inverno, mesturouse coa despedida da carne antes do período de abstinencia da Coresma que comeza no día mércores de Cinza (é dicir "corenta días antes do domingo de Ramos).
A FESTA DO ENTROIDO EN GALICIA En Galicia o Entroido celébrase dende sempre. Existen manifestacións dunha moi fonda tradición e que aínda perduran hoxe, especialmente na provincia de Ourense, e nalgunhas partes de Lugo, mesturando esas tradicións ancestrais con outros elementos máis novos.Entreo os chamados " ritos de grupo" (a súa orixe e significado é descoñecida) pódense citar: Os Cigarróns que son personaxes enmascarados e adornados (coma en Verín), as Pantallas que amolan ós viandantes con dúas vexigas cheas de aire (moi común no Entroido de Xinzo da Limia) , os distintos Peliqueiros (coma en Laza), personaxes que se distinguen pola súa animalización: non falan, levan chocas coma os animais, zorregan á xente e levántanlle a saia ás mulleres,.animais como pode ser unha vaca, o burro ou o galo, xa sexa reais ou simulados simbolizan o Entroido en si e interveñen na festa, ben para ser burlados e escarmentados, ben para actuar activamente facendo falcatruadas; os Correos, que van pola veciñanza ofrecendo cós Xenerais "canten" a cada unha das casas a cambio dunha doazón, os Xenerais, vistosamente disfrazados con sombreiros, medallas e fitas que lembran de xeito choqueiro os uniformes do século XIX.
Outros protagonistas do Entroido son os "xenerais" en Boqueixón, Vedra, A Estrada, Vila de Cruces e Silleda; as Pantallas que dende o pasado domingo Corredoiro ata o día 1 de marzo percorren Xinzo de Limia, os boteiros e "folios" en Viana do Bolo, as máscaras traballadas dos Volantes en Chantada , ademais dos xa coñecidos Cigarróns de Laza e Verín son algúns dos sinais desta festa tque se pechará un mércores de cinza coa queima do Momo e o Meco ou o enterro do Ravachol en Pontevedra. Tempo para a diversión e para o bo xantar... porque outra compoñente -importantísima do Entroido galego é a gastronomía: o lacón con grelos como prato forte, acompañado de doces como as orellas ou as filloas, son as comidas típicas destas festas.
Orixe da palabra carnaval
A palabra ven do italiano carnevale, que ten como orixe segundo a maioría dos etimoloxistas modernos o latín vulgar carne-levare, que significaba "abandonar a carne" (o cal xustamente era a prescrición obrigatoria para todo o pobo durante todos os venres da Coresma). Noutras zonas, como en Cataluña ou España as denominacións populares de carnestoltes ou carnestolendas, respectivamente, parecen indicar que esta é a opción etimolóxica máis sensata (do latín tolere, retirar).
Posteriormente xurdiu outra etimoloxía manexada no ámbito popular: a palabra italiana carnevale significaría que durante a época do carnaval a "carne vale", ou sexa que se pode comer. Tamén se propón outra etimoloxía sen fundamento que provén da expresión latina carrus navalis, ou sexa unha carroza decorada que posiblemente saíse en desfile durante estas datas.
Pero a fins do século XX varios autores comezaron a sospeitar a orixe pagá do nome. Carna é a deusa celta das fabas e o touciño. Tamén estaría conectada con festas indoeuropeas, dedicadas ao deus Karna (que no Mahabhárata aparece como un ser humano, irmán maior dos Pándavas, fillo do deus do Sol e a raíña Kuntí).
Calendario
O Antroido, ao variar conforme a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de antroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro.
É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda.
As súas datas fundamentais, por orde, son:
· Domingo fareleiro
· Domingo oleiro
· Xoves de compadres
· Domingo corredoiro
· Xoves de comadres
· Domingo de antroido
· Luns de antroido
· Martes de antroido
· Mércores de cinza
· Domingo de piñata
Non en todas as vilas se conservan ou existiron nunca todas estas festividades. Ademais, aínda que os días grandes adoitan ser o domingo e o martes de antroido noutras localidades, como Laza, a data referencial é o luns de antroido.
As máscaras
As máscaras so antroido galego presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grandes grupos:
· As máscaras ourensás, que pertencen aos antroidos dun arco de vilas que nace en Maceda e Allariz, esténdese polo sur da provincia e remonta polo leste ata chegar á Ribeira Sacra. Son, habitualmente, máscaras coloristas que cobren a cara, realizadas moitas delas en madeira e que teñen como misión meter medo, asustar, bater nos veciños ou escorrentalos. Aínda que ás veces van en grupo, a súa performance é habitualmente individual. Entre elas están os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Laza, os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño de Conso, de Manzaneda e de Viana do Bolo, os irrios de Castro Caldelas, as charrúas de Allariz, as pantallas de Xinzo, os vergalleiros de Sarreaus, os murrieiros da Teixeira, os troteiros de Bande, os vellarróns de Riós, etc.
· As máscaras da zona atlántica, nunha zona non continua que vai dende Cangas e Vilaboa ao sur ata as comarcas do Deza e o val do Ulla. Son traxes tamén coloristas, pero que frecuentemente deixan o rostro descuberto. Neles o traballo individual de elaboración do vestido é importante, pero máis o é a performance, que adoita ser colectiva. É o caso dos xenerais do Deza e do Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos do antroido de Cotobade.
Tamén existen outros costumes:
· Mecos bonitos e mecos feos de Froxás das Viñas.
· Volantes da Ribeira do Miño (Parroquias de Santiago de Arriba, San Pedro, Camporramiro e Nogueira).
· O Oso de Salcedo, en Salcedo (A Pobra do Brollón).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario